Unha Empresa Global / A nosa Compañía / Home

Unha Empresa Global

Roca

Roca está presente, a través das sociedades internacionais e dos seus centros de produción en catro continentes. A súa rede comercial esténdese a máis de 135 países, conta con 65 plantas de produción en 17 países e emprega aproximadamente 18.700 traballadores en todo o mundo.

Roca iniciou a súa actividade en 1917 como Compañía Roca Radiadores, S.A. Esta compañía dedicábase exclusivamente á fabricación de radiadores de ferro fundido para a calefacción doméstica na súa factoría de Gavà (Barcelona), pero a rápida penetración dos novos produtos no mercado e unha decidida vontade de expansión levaron a ampliar as áreas de negocio coa intención de diversificar as súas actividades empresariais. Como consecuencia diso, en 1925 fabricáronse as primeiras caldeiras de fundición e en 1929 iniciouse a produción de bañeiras de ferro fundido. En 1936 Roca introduciuse no sector da porcelana sanitaria e en 1954 comezou a fabricar tamén billame. Unha segunda fábrica de porcelana inaugurouse en Alcalá de Henares (Madrid) en 1962.

Foi en 1963, coa posta en marcha dunha fábrica en Sabadell (Barcelona) dedicada á produción de aparatos de aire acondicionado, cando Roca se converteu nunha das primeiras empresas españolas en entrar no nacente mercado da climatización. Máis tarde, en 1968, puxo en marcha a terceira fábrica de porcelana, en Alcalá de Guadaira (Sevilla), e en 1974 inaugurouse a fábrica de bañeiras de aceiro.

A incursión por parte da empresa no sector da cerámica produciuse na década dos oitenta. O establecemento de Cerámicas del Foix, que pasou a ser unha sociedade filial, foi o inicio da actual área de negocio de Cerámica. En 1989 adquiriuse en Portugal unha fábrica de material sanitario.

Durante a década dos 80 e os 90, consonte a firme vontade de expansión, ábrense filiais comerciais e consolídanse acordos con empresas líderes nos seus mercados, ao tempo que se materializan adquisicións e operacións societarias.

En 2002 Roca iniciou un proceso de reestruturación societaria do Grupo co ánimo de ordenar as diferentes áreas de negocio en sociedades independentes. Para levar a cabo este proxecto constituíuse Roca Corporación Empresarial, S.A., a nova sociedade matriz. O proceso de reestruturación da sociedade culmina en 2005 coa venda dos negocios de calefacción e aire acondicionado co obxectivo de concentrar os esforzos da corporación no negocio do cuarto de baño, cuxo liderado mundial se alcanzou nos primeiros meses de 2006.

Roca é unha empresa integramente española cuxo capital pertence totalmente ao grupo familiar derivado dos seus fundadores.